Thursday 28 de March de 2024

Turismo de Galicia financiou con 64.000 euros dúas actuacións de mellora na área recretiva de Ponte Aranga


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o entorno e recordou que a Axencia ten aberto o prazo para axudas a concellos e entidades privadas para a mellora das infraestruturas turísticas
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou a área recreativa de Ponte Aranga, no concello do mesmo nome, acompañado polo alcalde Alberto Platas Álvarez, para comprobar o resultado das obras de mellora que se realizaron neste entorno natural nos dous últimos anos.

En concreto, a Axencia Turismo de Galicia promoveu en 2016 as obras para a construción dunha edificación para aseos adaptados, na que se investiron preto de 21.000 euros. Na convocatoria de 2017 estas axudas para a mellora de infraestruturas turísticas permitiron o acondicionamento do aparcamento en Ponte Aranga por valor de máis de 43.000 euros.

Ovidio Rodeiro recordou que os concellos teñen aberto ata o 19 de febreiro o prazo para solicitar axudas para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, que contan cun orzamento total de 2,5 millóns de euros. Estas subvencións está orientadas ao fomento e posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística no medio rural. O delegado destacou que en 2017 un total de 18 concellos ou agrupacións de municipios da provincia recibiron axudas por valor de 530.000 euros.

Son susceptibles de recibir axudas as actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos, a iluminacións ornamental, a recuperación de miradoiros, carreiros, rutas ou elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional e a adecuación de espazos para o estacionamento de vehículos que reduzan o impacto negativo que producen.

Estas axudas tamén se poden solicitar para soterrar colectores, cableado aéreo e antenas de comunicación. Por último, os concellos tamén poden acceder a esta liña de subvencións para eliminación de barreiras arquitectónicas, adaptación das páxinas web a persoas con discapacidade e sinalización dos recursos turísticos.

Ademais desta subvencións a concellos, o delegado territorial recordou que a Axencia Turismo de Galicia ten tamén aberto o prazo para que entidades privadas soliciten axudas para actuacións de mellora das infraestruturas dos aloxamentos turísticos.

Neste caso, as actuacións están orientadas incrementar a accesibilidade, mellorar as instalacións para obter a Q de Calidade Turística e incrementar a categoría do establecemento, medidas de aforro enerxético, modernización xeral das instalacións ou renovación dos equipamentos mobles.